miércoles, 31 de marzo de 2010

Liberdade.

E hoxe ninguén abre a porta. O desexo morre esquecido, non é partillado e fina converténdose en cinza. So restan agora lembranzas difusas dun pasado que ninguén quere revivir, unha pantasma relegada a aquel fogo, aquel cemiterio, aquel fin. Xa foi, deixou de ser... Xa non hai madeira que poida arder. O lume da paixón foi efímero e o "pra sempre" mudou o seu significado.
Fronte o espello, a autocrítica...

- Si, si, ti! A mesma! A mesma que confiabas, que gostabas, que amabas... A que partiu sen medo, sen ollar pra atrás, so cun obxectivo. Lembras cal era? Era mesmo importante... Vivir. Si, dende cativa querías ser libre, saír, coñecer... e de súpeto apareceu el, naceu a equipa. El a cámara, ti as verbas e un mundo por percorrer. Estradas, versos, amor, músicas, sexo... A súa cor escura descubría unha tez pálida, acariciaba un pescozo ruborizado, deslizábase ate o embigo e perdíase na intimidade. Ollos fechados, signo de confianza, lonxe de medos. Ti eras el e el era ti, so nun único todo. Falabas de liberdade, do sentir... Aproveitar o presente, encherse de vida e deixarse levar. Dicía que non fuxía, ese era o camiño fácil...

Tantas enrugas, tanto tempo perdido... E que fica agora? Non se vive de lembranzas e os soños non reparan un corazón.

- Mais é o que está a facer. Non é sincero consigo mesmo... Ten medo de estar parado, de votar raíces e de cair preso da rutina... Ten medo, medo, de vivir.

Está cansa, non da máis e as súas mans dispóñense sobre o lavabo. Que facer? Todavía ten vontade de ir na súa procura, pero conseguirá aturar unha nova negativa? Estase a respetar? Ponse as súas meias azuis, o seu abrigo cincento, e colle a guitarra agochada tras as mantas da cama. Rúa Hernández, Rúa Taro, Rúa Campoamor... Séntase no terceiro semáforo e comeza acorde tras acorde. No fin do paso de peóns unha voz nace, unha letra que xorde e de novo só un todo. O vermello da paso ao verde, uns pasos que chegan e un só sentimento...

- Vermello en todos os semáforos que encontraba... A única liberdade está ao pé de ti; onde os sentimentos e a paixón, non coñecen o verbo deterse.

E ao lonxe un novo fogo que renace... e un verso de Cernuda que da fin á escena.

No hay comentarios:

Publicar un comentario